Saturday 21 de September de 2024

O Museo do Pobo Galego acolle unha mostra antolóxica das dez coleccións gañadoras do premio Luis Ksado que convoca a Deputación


A exposición estará aberta ata o 17 de febreiro e a continuación viaxará a Ferrol, Vigo e Vilagarcía

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu esta tarde á inauguración da primeira mostra antolóxica das coleccións gañadoras do premio de fotografía Luís Ksado. A exposición, que estará aberta ata o 17 de febreiro no Museo do Pobo Galego en Santiago, inclúe todas as instantáneas que foron recoñecidas co distintivo entre os anos 1997 e 2012.

Á inauguración asistiron os deputados dos concellos de Rois, Vedra e O Pino, Ramón Tojo Lens, Manuel Costa Carneiro e Manuel Taboada Vigo; ademais do comisario da exposición, Xurxo Lobato. No turno de intervencións participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente do Patronato do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi. Neste sentido, durante a súa intervención, Calvo agradeceu a disposición do museo para acoller esta mostra porque, dixo, “unha grande exposición ten que estar nun grande espazo”, e salientou a importancia de inaugurala en Santiago porque “é aquí onde Ksado fixo unha das súas fotografías máis coñecidas e onde tivo o seu estudo”.

Ademais, o titular provincial falou da importancia de mostrar a todos os veciños os fondos culturais da Deputación xa que, segundo explicou, “para iso están, para o goce de todos os coruñeses”. De feito, a mostra aberta esta tarde converterase a partir de febreiro en itinerante, con paradas xa fixadas en Ferrol, Vigo e Vilagarcía, á espera de pechar o calendario de espazos que a acollerán.

En clara coincidencia co que expresou o comisario do Premio Luís Ksado, o presidente provincial calificou este certame como “un dos máis importantes da provincia” tanto polo número de participantes que concorren a el cada ano como pola “grandísima calidade” dos traballos que se presentan.

E respecto ás coleccións gañadoras, Calvo asegurou que son “a clara confirmación de que a arte do fotodocumentalismo está máis viva que nunca” en todas as súas vertentes. “Aquí podemos ver mostras de fotoxornalismo, pero tamén de denuncia social, de fotografías de viaxes ou da creatividade dos fotógrafos”, resumiu.

Relación dos gañadores e as coleccións expostas:
2012: X Premio Amador Modesto Blanch Tudo isto é fado
2010: IX Premio Diego Vergés Requejo Ángeles city
2008: VIII Premio Javier Arcenillas La ciudad de la alegría: Kolkata
2006: VII Premio Miguel Harguindey Vidal “Breve prontuario de peixes e pareceres”

2004: VI Premio José Miguel Riopa Alende Verde-Rojo-Negro

2002: V Premio Fernando Fernández Páez Libra

2000: IV Premio Vari Caramés Medín Galicia Instamatic
1999: III Premio Peter Marlow La Catedral de Santiago de Compostela – El fin del Camino
1998: II Premio Xulio Villarino A viaxe subliminal
1997: I Premio Xosé Abad Vidal Inmigrantes